Os viños, As nosas Xoias
A producción vitivinícola no concello ten a súa máxima expresión na Denominación de Orixe Monterrei, regulada polo Consello Regulador da Denominación de Orixe Monterrei. Foi aprobado o seu regulamento por Orde da Consellería de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria, do 25-11-1994, e ratificado polo MAPA por Orde do 19-01-1996.
A zona de producción dos viños amparados pola denominación de orixe Monterrei está constituída por dúas zonas diferenciadas, a do Val de Monterrei e a Ladeira de Monterrei, que no seu conxunto abranguen os concellos de Castrelo do Val, Monterrei, Oimbra e Verín, todos eles no sur da provincia de Ourense.
• A primeira subzona, a do Val de Monterrei, comprende as parroquias de Castelo do Val, Pepín e Nocedo do Val (Concello de Castrelo do Val); Albarellos, Infesta, Monterrei e Vilaza (Concello de Monterrei); Oímbra, Rabal, O Rosal e san Cibrao (Concello de Oímbra); Abede, Cabreiroá, Feces de Abaixo, Feces de Cima, Mandín, Mourazos, Pazos, Queizas, A Rásela, Tamagos, Tamaguelos, Tintores, Vilela, Verín e Vilamaior (Concello de Verín).
• A segunda, a da Ladeira de Monterrei, comprende as parroquias de Gondulfes e Servoi (Concello de Castrelo do Val); Chas e a Granxa (Concello de Oímbra); Flariz, Medeiros, Mixós, Esteviños e Vences (Concello de Monterrei); e a parroquia de Queirugas (Concello de Verín).
Empréganse variedades preferentes como son, en canto ós caldos brancos, Dona Branca, Godello e Treixadura; para os tintos prefírese Mencía, Bastardo e Arauxa.
Compleméntanse estas variedades co emprego de Palomino para os primeiros e Garnacha e Gran Negro para os tintos.
Os viños brancos resultantes son lixeiros, aromáticos, de cor amarela dourada ou pallosa, cunha graduación alcohólica media próxima ós 11 graos, plenos, saborosos, equilibrados en acedume e aceptable retrogusto.
Mentres que os tintos caracterízanse por ter cor púrpura, agradable aroma a froitas, lixeiros e con bo equilibrio alcohol-acidez, con grao alcohólico algo inferior ó dos brancos, e cun toque de xuventude que os fai apetitosos ó consumidor.
Na actualidade, a D.O. Monterrei está formada por 20 adegas e 570 viticultores. A superficie adicada a viñedo é superior a 3.000 hectáreas aínda que só se atopan amparadas 680 hectáreas.
No concello de Monterrei atopamos representada a denominación polas adegas: Adega Boo-Rivero, Adega Bernabé Jiménez, Adega Crego e Monaguillo, Adega Coop. Terras do Cigarrón, Adega Madrevella, Adega Pazo Blanco Núñez e Adega Quinta da Muradella.