TR341R – Axudas para a conciliación da persoa traballadora autónoma – 2024
https://sede.xunta.gal/detalle-procedemento?codtram=TR341R&ano=2024&numpub=1&lang=gl
Data de publicación: 24/01/2024
Data de inicio solicitude: 29/01/2024
Data de remate solicitude: 30/09/2024
Obxecto
Esta Orde ten por obxecto publicar as bases e a convocatoria das axudas á conciliación da vida familiar e laboral de persoas traballadoras por conta propia ou autónomas, que desenvolvan a súa actividade na Comunidade Autónoma de Galicia.
Estas bases establecen os criterios e requisitos para a concesión de axudas a persoas traballadoras por conta propia ou autónomas que contraten unha persoa traballadora, ben sexa para apoio no negocio durante o seu período de descanso por nacemento, adopción ou acollemento ou a transformen en indefinida posteriormente, ben sexa para apoio no coidado de menores, maiores e/ou persoas con discapacidade ou dependencia, segundo o disposto nesta orde. Así mesmo, subvencionarase unha parte do custo dos centros e/ou servizos para o coidado de menores, maiores e/ou persoas con discapacidade ou dependencia.
Características da axuda
Bono autónomo Concilia I.
a) Será subvencionable a contratación realizada por unha persoa traballadora autónoma para a substitución nos casos de maternidade ou paternidade, unha vez iniciado o seu período de descanso por nacemento, adopción ou acollemento, e pola duración desta. Tamén será subvencionable a contratación dunha persoa traballadora para a substitución da traballadora autónoma no caso de baixa por risco durante o embarazo ou a lactancia, e pola duración da dita baixa.
a.1) No caso de autónomas embarazadas ou persoas autónomas en proceso de adopción, o contrato de substitución será subvencionable ata dous meses antes do inicio do seu período de descanso, co fin de posibilitar a transferencia do coñecemento necesario á persoa contratada que posibilite o mantemento da actividade durante a correspondente baixa.
a.2) Igualmente, incentívanse os contratos indefinidos realizados coa mesma persoa contratada por substitución, unha vez rematado o período de descanso por nacemento, adopción ou acollemento.
b) Serán subvencionables as contratacións que se inicien entre o 30 de setembro de 2023 ata o 29 de setembro de 2024.
c) O importe da subvención para compensar a dita contratación será de 1.100 € por mes completo, segundo a duración indicada na comunicación da contratación, e polo período de duración da baixa de maternidade ou paternidade, salvo nos casos previstos na letra a.1) anterior.
Nos supostos de risco durante o embarazo o período máximo que se terá en conta para a axuda será de oito meses de contratación, sendo, polo tanto, o importe máximo que se pode percibir de 8.800 €.
No caso de transformación do contrato de substitución en contrato indefinido unha vez rematado o período de descanso por nacemento, adopción ou acollemento, o importe da subvención será de 7.500 €, e acadará os 9.000 € cando a persoa se encadre nalgún dos seguintes colectivos, non acumulables:
a) Muller.
b) Persoas desempregadas de longa duración no momento do contrato de substitución.
c) Maiores de 52.
d) Persoas con discapacidade.
e) Persoas en situación ou risco de exclusión social.
f) Persoas emigrantes retornadas.
g) Persoas estranxeiras.
d) As contías previstas anteriores reduciranse proporcionalmente nos casos en que a xornada sexa a tempo parcial, de, polo menos, o 50 %, ou nos períodos en que a substitución sexa inferior a un mes.
2. Bono autónomo Concilia II.
a) Será subvencionable a contratación indefinida realizada por unha persoa traballadora autónoma, para o coidado de menores e/ou maiores e/ou persoas con discapacidade ou dependencia.
b) Serán subvencionables as contratacións que se inicien entre o 30 de setembro de 2023 ata o 29 de setembro de 2024.
c) O importe da subvención para compensar a dita contratación será de 7.500 €, e acadará os 9.000 € cando a persoa se encadre nalgún dos seguintes colectivos, non acumulables:
a) Muller.
b) Persoas desempregadas de longa duración.
c) Maiores de 52.
d) Persoas con discapacidade.
e) Persoas en situación ou risco de exclusión social.
f) Persoas emigrantes retornadas.
g) Persoas estranxeiras.
d) As contías previstas reduciranse proporcionalmente nos casos en que a xornada sexa a tempo parcial de, polo menos, o 50 %.
3. Bono autónomo Concilia III.
a) Será subvencionable o 75 % dos custos do centro ou do servizo de coidado de menores, maiores e/ou persoas con discapacidade ou dependencia, ata un máximo de 3.000 €.
Os custos deberanse corresponder a gastos incluídos no período subvencionable, que comprende desde o 30 de setembro de 2023 ata o 29 de setembro de 2024, e os centros e servizos estean situados na Comunidade Autónoma de Galicia.
Persoas beneficiarias
Poderán ser beneficiarias destas subvencións as persoas traballadoras que estean dadas de alta no RETA ou no réxime de traballadores do mar como persoas traballadoras por conta propia, así como as persoas mutualistas; así mesmo, poden ser beneficiarias as persoas membro das sociedades mercantís, laborais e civís e comunidades de bens, a título individual.
Para ter dereito á axuda a persoa traballadora autónoma ten que cumprir os seguintes requisitos:
a. Bono Autónomo Concilia I:
A persoa solicitante ten ou tivo que estar de baixa por maternidade ou paternidade, ou situacións asimiladas.
O contrato que se vai realizar será de substitución, ou contrato indefinido, segundo o caso.
A contratación debe realizarse cunha persoa desempregada e debe realizarse dentro do período subvencionable (30 de setembro de 2023 ata o 29 de setembro de 2024).
O contrato formalizarse por escrito, en modelo oficial, e as tarefas que se vai realizar a persoa substituta deben ser as mesmas que as da persoa traballadora autónoma substituída.
b. Bono Autónomo Concilia II:
A persoa solicitante ten que acreditar a súa relación de parentesco ata o segundo grao de consanguinidade o afinidade coa persoa menor, maior e/ ou persoa con discapacidade ou dependencia.
No caso de non existir a relación de parentesco deberase acreditar a convivencia no mesmo domicilio que a persoa maior e/ou persoa con discapacidade e/ou dependente e con grado de discapacidade igual ou superior o 33 %, como mínimo, nos tres últimos meses anteriores á presentación da solicitude.
No caso de menores acollidos non será necesario acreditar a convivencia previa. A contratación debe realizarse cunha persoa desempregada.
b. Bono Autónomo Concilia III:
Para ser beneficiaria a persoa solicitante terá que acreditar a contratación dun centro ou servizo de coidado de menores, maiores e/ou persoa con discapacidade ou dependencia.
No caso de non existir a relación de parentesco, deberase acreditar a convivencia no mesmo domicilio que a persoa maior e/ou persoa con discapacidade e/ou dependente e con grao de discapacidade igual ou superior o 33 %, como mínimo, nos tres últimos meses anteriores á presentación da solicitude. No caso de menores acollidos, non será necesario acreditar a convivencia previa.
Relacionado