Presentación da XXXV Xuntanza Internacional de Gaiteiros
O evento, declarado de Interese Turístico e Cultural, celebrarase o vindeiro sábado, 29 de agosto, no Castelo de Monterrei, e será transmitido por streaming
Ourense, 26 de agosto de 2020.- A XXXV edición da Xuntanza Internacional de Gaiteiros, evento declarado de Interese Turístico e Cultural, celebrarase o vindeiro sábado, 29 de agosto, no Castelo de Monterrei, en homenaxe a Adelino Rodríguez Martínez, gaiteiro de Riós. A presentación deste evento tivo lugar hoxe no centro cultural “Marcos Valcárcel”, acto no que participou o vicepresidente da Deputación de Ourense, Rosendo Fernández; o director da Escola Provincial de Gaitas da Deputación, Xosé Lois Foxo; e o alcalde de Monterrei, José Luís Suárez.
O vicepresidente da Deputación de Ourense dixo que este evento, que será transmitido por streaming, “naceu como complemento das actividades da Escola Provincial de Gaitas da que sae a Real Banda de Gaitas da Deputación de Ourense, a máxima expresión artística de milleiros de gaiteiros que teñen como referencia a Ourense e a Escola Provincial de Gaitas”. Así mesmo, Rosendo Fernández lembrou que esta xuntanza “constituíse ao longo dos anos nun prestixioso foro internacional, universal, onde se aglutinan desde as gaitas máis primitivas ás gaitas máis modernas”.
Neste mesmo sentido, Xosé Lois Foxo sinalou que esta Xuntanza “forma parte da historia de Ourense e da Escola de Gaitas” afirmando que “quixemos mantela porque a cultura necesita actividade para seguir a vivir”. Esta edición, que terá “carácter peninsular”, segundo Foxo, comezará o venres, ás 19.00 horas, na praza Ermida de Flariz, cun concerto de Juan Mari Beltrán e Fernando Jalón que son “dos mellores músicos étnicos que ten a Península Ibérica”, sinalou Foxo.
A programación continuará ao día seguinte, o 29 de agosto, ás 12.30 horas, coa presentación da libro “La Nuossa Gaita” a cargo de Abílio Topa. Posteriormente, ás 19.00 horas, no Castelo de Monterrei, comezará a Xuntaza na que actuarán: trompetistas á usanza medieval, Tatiana Kostomorova, a Banda de Gaitas Nova Era de Verín, Zanfonistas da Escola Provincial de Gaitas, Xuacu Amieva, a Agrupación Musical do Concello de Riós, Flores López, as cantareiras da Real Banda, Abílio Topa, Juan Mari Beltrán & Fernando Jalón, Manuel Santín gaiteiro de Cervantes, Gaiteiros de Flariz, Germán Díaz, e a Real Banda de Gaitas da Deputación de Ourense. Paralelamente, no Hospital do Peregrino poderase visitar unha exposición fotográfica iconográfica da Gaita, desde o 24 ao 29 de agosto.
Pola súa parte, o alcalde de Monterrei explicou que este evento “se celebra tradicionalmente no segundo fin de semana de xuño, pero este ano, tivemos que retrasalo pola pandemia”. Esta actividade é “unha peza angular dentro da programación cultural que temos no Concello de Monterrei durante os meses de verán e non queriamos perdela”, sinalou José Luís Suárez, quen engadiu que dada a situación actual “temos os protocolos de seguridade aprobados que se van a aplicar. Contamos con protección civil, a nosa agrupación de Monterrei-Cualedro, que se encargarán de garantir que se cumpran tódalas estritas medidas de seguridade”.