Arquitectura Relixiosa
Santa María de Mixós. Mixós, Estevesiños (San Mamede)
Igrexa levantada no século X nunha zona moi romanizada, polo que se sospeita que a comunidade cristián estivera asentada neste lugar moito antes.
Aparece mencionada nun documento do século XII no que é doada ó mosteiro de Celanova, que gozaría dela ata que, no século XVI, foi vendida ó conde de Monterrey.
A súa traza orixinal respondía a un esquema basilical de tres naves separadas mediante arquerías de ferradura e cabeceira triple de ábsides semicirculares moi profundos que, ó exterior, son rectos, cunha ventá cada un. Na súa fábrica obsérvanse diferenzas entre os perpiaños de menor tamaño e asentados nun podio e os máis voluminosos do resto do templo; nos muros laterais obsérvanse modillóns que quizais fosen os soportes da tribuna que asentaría sobre unha pequena cámara. No interior, dúas aras e pinturas do século XIII e XIV.
A igrexa foi reconstruída nos séculos XV e XVI.
Atópase declarada monumento nacional.
Santa María de Gracia. Monterrei, Monterrei (Santa María)
A igrexa de Santa María de Gracia, actualmente reconstruída, conserva unha portada lateral de arco oxival con tripla arquivolta profusamente decorada. No tímpano figura un Cristo bendicindo con ambas as dúas mans, rodeado de representacións zoomórficas e mitolóxicas a ambos os dous lados. No interior destaca un retablo de pedra oxival con Xesucristo triunfante bendicindo con ambas as dúas mans e doce escenas da paixón. O arco triunfal interior é tamén oxival e descansa sobre grupos de columnas.
No exterior é curiosa a representación dunha vara de seis cuartas das que se empregaban para medir as teas. Tamén no interior destaca unha imaxe da Virxe embarazada e varias “vieiras” símbolo do camiño de Santiago.
San Salvador de Vilaza. Vilaza, Vilaza (San Salvador)
Igrexa de estilo barroco pegada a unha torre de construción máis antiga, de grandes dimensións. A portada sur presenta unha fornela moi adornada onde se localiza un reloxo de sol. No seu coidado ámbito consérvanse interesantes pezas arqueolóxicas como un miliario, bautismais, etc.
Forma parte dun conxunto arquitectónico – relixioso no que se inclué unha interesante necrópole alto medieval, na que se atoparon interesantes pezas.
San Pedro Flariz. Flariz
Conta cunha interesante igrexa do derradeiro tercio do século XVIII na que destaca a súa impoñente torre central de elevada presencia e uns releves intramuros con imaxes do Calvario.
No lugar anexo de a Madalena consérvase unha casulla bordada con imaxes realizadas no século XVI.
Santa María de Medeiros.
Medeiros Nesta igrexa pódense admirar retablos e figuras diversas destacando entre elas as firmadas por Alonso Martínez. Nas súas inmediacións érguense sepulcros megalíticos. Hai que destacar tamén gran cantidade de cruceiros na parroquia.
Santuario da Virxe da Caridade
Situado na parroquia de Flariz no lugar do mesmo nome, é lugar de celebración dunha importante romería de data variable entre finais de maio e principios do mes de xuño.
Eucaristía, procesión e ofrendas combínanse con mostras populares do encanto das celebracións rurais galegas, para en conxunto representar un atractivo ó que vale a pena achegarse.